martes, 29 de decembro de 2015

Jobshadow do profesor Marco Vélez

O pasado mes de outubro de 2015 o profesor Marco Vélez levou a cabo un jobshadow na localidade sueca de Hudiksvall, no centro de educación secundaria "Bromangymnasiet".



A profesora Anabel Fernández (Dpto. de Inglés) ía participar tamén na experiencia pero debido a un problema persoal non puido finalmente viaxar a Suecia. Os obxectivos do jobshadow, a metodoloxía e os contactos previos co Bromangymnasiet foron elaborados conxuntamente con Anabel.

Durante a experiencia, Marco Vélez tivo a oportunidade de entrar en varias aulas para observar as técnicas docentes dos profesores do centro. Ademais, levou a cabo varias reunións coa dirección da escola e con responsables de varios proxectos educativos.

Ademais, a experiencia serviu para promover os contactos bilaterais entre profesores de ámbolos dous centros e para sentar as bases dun proxecto máis ambicioso que aínda está en fase de estudo: un proxecto europeo de tipo KA2 promovido polo Bromangymnasiet chamado "TALK" que pretende intercambiar as mellores prácticas dos centros participantes.

A experiencia do jobshadow e os seus resultados foron difundidos a través dos seguintes medios:

1) BLOGUE "JOBSHADOW EN HUDIKSVALL".

Escrito durante a estancia do autor no Bromangymnasiet, o blogue relata a experiencia día a día centrándose en aspectos técnicos pero tamén culturais e humanos. Podedes acceder ao blogue facendo click aquí.


2) VÍDEO "A MILLION VOICES"

Este vídeo de 27 minutos enfatiza o lado máis humano da experiencia, dándolle voz aos profesores e alumnos do Bromangymnasiet e da EOI da Coruña, co gallo de promover o coñecemento mútuo. Podedes activar os subtítulos en galego ou inglés na parte inferior dereita do vídeo (na roda dentada de "Configuración").




3) CHARLA "UN MILLÓN DE VOCES"

Tivo lugar na EOI o venres 6 de novembro ás 12h e nela discutiuse sobre a experiencia, incluíndo algunhas curiosidades e presentando o vídeo "A Million Voices". Na charla interviron a directora e profesora de inglés Susana Aldao e a profesora Anabel Fernández (Dpto. de Inglés). A charla foi gravada en vídeo e podedes vela aquí:



4) MEMORIA TÉCNICA.

O documento, que podedes consultar ou descargar a continuación, inclúe unha descrición exhaustiva dos detalles técnicos, didácticos e organizativos da experiencia.



Para calquera información adicional que desexedes sobre este jobshadow, podedes poñervos en contacto con Marco Vélez a través do correo electrónico marcovelez@edu.xunta.es


Ningún comentario:

Publicar un comentario