O pasado martes, 4 de xuño foi publicada na web da SEPIE a resolución de solicitudes KA104, na que se comunicaba a concesión dunha bolsa dentro do programa ERASMUS+ á Escola Oficial de Idiomas da Coruña. Estamos de noraboa!
Este proxecto foi desenvolvido por un equipo de 10 membros do claustro entre os que se encontran a directora, Susana Aldao e a vicedirectora, Nuria Calvo, aportando a súa experiencia en proxectos europeos. Este equipo constituiuse oficialmente como grupo de traballo durante o curso 2018-19 e foi desenvolvido dentro do marco do PFPP e asesorado por Alberto Huerga, do CEFORE da Coruña.
Ao longo do curso tivemos a oportunidade de desfrutar de dúas charlas por parte de María José Conde Torrado (exdirectora da EOI de Ferrol) e de Isabel de la Cruz (EOI de Santiago), que nos deron as pistas clave sobre como abordar un proxecto desta natureza. Como resultado de todo este traballo, fóronnos concedidas un total de 12 mobilidades cun orzamento de algo máis de 22.000 euros.
O proxecto MEDAL ("Mediation and updating in foreign languages") ten como obxectivo actualizar a metodoloxía didáctica do noso claustro para adaptala aos requerimentos do DECRETO 81/2018, de 19 de xullo, polo que se implantaron os novos niveis e se incluíu a mediación na nosa práctica docente e certificadora como actividade lingüística (cariñosamente popularizada como "a quinta destreza" ou "a destreza asasina").
Precisamente para estudar os mecanismos utilizados para implantar estas novidades o noso equipo vai facer, con cargo ao orzamento concedido, as seguintes mobilidades:
1) Curso sobre niveis C no NILE, en Norwich (Inglaterra).
2) Curso sobre mediación en Atenas (Grecia), na Universidade de Atenas.
3) Jobshadow no IMEP en Bourges (Francia).
4) Jobshadow na Jazykova skola de Bratislava (Eslovaquia).
Nos dous cursos imos aprender o marco teórico relativo aos novos niveis e á natureza da mediación e as súas implicacións na aula. E nos dous jobshadows imos observar de primeira man como organizaron a súa implantación dúas institucións de recoñecido prestixio a nivel internacional (isto é: o aspecto práctico).
Estas mobilidades levaranse a cabo ao longo do vindeiro curso 2019-20 e iremos dando cumprida publicidade a medida que se vaian desenvolvendo, tanto neste mesmo blogue EOI-INSPIRE.GAL como en redes sociais. Seguídenos se queredes información ao minuto. E se desexades información máis específica sobre o proxecto, non tedes máis que contactar con calquera dos membros integrantes:
Susana Aldao (IN A Coruña)
Rosa Gloria de Artaza (IN A Coruña)
Ana Barrero (IN A Coruña)
Carmen Fernández (IN A Coruña)
Nuria Calvo (IN A Coruña)
Anabel Fernández (IN A Coruña)
Raquel Cotelo (FR Carballo)
Isabel Rama (FR Carballo)
Carmela Vaamonde (IN A Coruña)
Marco Vélez (FR A Coruña)