EOI inspire nace en decembro de 2015 como unha plataforma de aprendizaxe no seo da EOI da Coruña co obxectivo de potenciar a formación contínua do noso profesorado, dentro dun plan pedagóxico máis amplo auspiciado pola directora do centro, Susana Aldao Linares e o seu equipo. A base deste plan materializouse no proxecto KA1 que se está a desenvolver durante o actual curso 2015-16.
Desde a súa creación, hai xa máis de tres décadas, a Escola Oficial de Idiomas da Coruña non deixou de evolucionar. O último grande cambio comezou durante o curso 2007-08, cando se separou a función docente da certificadora, se adoptou o MCERL e se implantaron as probas de certificación. Estes cambios revolucionaron a nosa forma de traballar, revalorizando os nosos títulos na sociedade e no mundo empresarial, harmonizando os nosos niveis cos doutras institucións españolas e europeas e estandarizando os resultados dos nosos alumnos e os dos candidatos externos.
Agora, case unha década máis tarde, nun contexto de profundos cambios tecnolóxicos, sociais e económicos, a nosa EOI coruñesa enfróntase a unha segunda grande revolución pendente: a da actualización das nosas técnicas pedagóxicas. No mundo educativo actual resulta cada vez máis perentorio que os docentes traballemos en colaboración os uns cos outros: a labor educativa na nosa Escola debe ser entendida como unha tarefa de equipo, cuns obxectivos comúns a todos os profesores e departamentos e ao servizo da comunidade humana do noso ámbito xeográfico de influencia: A Coruña e o seu hinterland. Unha colaboración que inclúe tamén a relación coas familias, con outras institucións educativas da nosa contorna inmediata e con institucións públicas e privadas, tanto a nivel nacional como internacional.
Neste contexto, a plataforma EOI inspire pretende colaborar impulsando este proceso de cambio recollendo e divulgando as aportacións do noso equipo docente en materia de innovación educativa. Nela terán cabida ideas, iniciativas e descricións de actividades de formación levadas a cabo polo noso equipo, incluíndo cursos de formación, congresos, seminarios, encontros, intercambios, jobshadows e experiencias educativas innovadoras.
EOI inspire aspira a atesourar as mellores prácticas de todos nós e a ser un auténtico punto de encontro para o noso crecemento como equipo docente e humano ao servizo da nosa comunidade. Animámosvos a aportar as vosas experiencias educativas (cursos, jobshadows, publicacións, etc.) para que sexan publicadas nesta plataforma e que o conxunto do claustro poida aprender con elas. Ademáis, podedes seguir este blogue subscribíndovos mediante algunha das ferramentas que tedes na columna da dereita:
- SEGUIR BLOG POR EMAIL: Introducide o voso enderezo email e recibiredes unha mensaxe cada vez que haxa unha novidade neste blog.
- SUBSCRIBIRSE POR RSS: Se tedes un lector RSS, subscribídevos desde o gadget da columna dereita deste blog.
Contamos convosco !!
Anabel Fernández (Dpto de Inglés)
Marco Vélez (Dpto de Francés)
Ningún comentario:
Publicar un comentario