xoves, 9 de marzo de 2023

Observación na PH de Viena

A Pädagogische Hochschule (PH) de Viena é un centro de educación superior situado na capital austríaca dedicado á formación e adestramento de mestres de Educación Infantil e Primaria e de profesores de Secundaria.

Trátase dun centro líder en formación inicial e contínua do profesorado. Os seus docentes e investigadores coñecen moi ben as modalidades de ensino a distancia (e-learning) e semipresencial (b-learning). Por iso, a PH foi a nosa primeira opción á hora de elixir un centro para facermos unha observación sobre este asunto dentro do marco do proxecto SBLENDID.

Os que aínda non coñecedes o SBLENDID tedes que saber que se trata dun proxecto Erasmus+ KA104 no que participou a EOI da Coruña durante os cursos 2020-21 e 2021-22 conxuntamente con outras 9 Escolas de Idiomas galegas e co CAFI. O seu obxectivo último foi o de promover a implantación do formato semipresencial nas ensinanzas de idiomas de Galicia.

Durante os dous anos que durou o proxecto, leváronse a cabo unha chea de actuacións relacionadas coa implantación e desenvolvemento dos cursos semipresenciais. Entre elas, unha serie de mobilidades nas que participou parte do equipo docente da EOI da Coruña, como a que fixeron no Porto as nosas compañeiras Deirdre Barry Murphy, Sonia Rosales Damil e Natalia Paz Outomuro, do Departamento de Inglés, ou a nosa, na PH de Viena.

Os participantes na mobilidade de Viena, que tivo lugar os días 31 de marzo e 1 de abril de 2022, fomos os seguintes:

- Diana Pastoriza (CAFI)
- Sonia Espiñeira (EOI de Vigo, Departamento de español)
- Carmen Rodríguez (EOI de Ourense, Departamento de alemán)
- Rosa María Quiroga (EOI de Monforte, Departamento de alemán)
- Sonia Fernández (EOI de Monforte, Departamento de alemán)
- Marco Vélez (EOI da Coruña, Departamento de francés)

Durante o noso jobshadow tivemos a oportunidade de afondar na natureza do formato semipresencial e de explorar os desafíos a el asociados. Ademáis, descubrimos as bondades da robótica aplicada ao ensino de mans dun dos profesionais que se dedican a explorar na PH as súas posiblidades. No Future Learning Lab tivemos a oportunidade de discutir sobre o futuro da educación. Finalmente, gozamos dunha introdución aos learning spaces, que probablemente determinen o futuro da educación nos vindeiros anos.

Toda unha experiencia, difícil de esquecer, que quedou recollida no seguinte vídeo, que non queremos deixar de compartir convosco: